31.3.12

A Astronomía que podemos facer coas Matemáticas que xa sabemos

Como remate ás actividades do III ConCurso de problemas de matemáticas e II concurso de relatos matemáticos e incluída no plan lector do departamento de matemáticas e no proxecto lector do centro teremos o vindeiro 11 de abril unha conferencia co título:
"A Astronomía que podemos facer coas Matemáticas que xa sabemos"
a cargo de Ana Ulla Miguel, Licenciada en Ciencias Físicas e doutora en Astrofísica pola Universidade de La Laguna. Profesora titular da Universidade de Vigo. Os seus traballos no campo da Astronomía desenvolvéronse na Universidade de Tromsø (Noruega), o Instituto Niels Bohr de Copenhaguen, o Instituto de Astrofísica de Canarias, o Laboratorio de Astrofísica Espacial e Física Fundamental de Madrid e a Axencia Espacial Europea. Á marxe da súa actividade docente como profesora da Facultade de Ciencias en Vigo, e de investigación en diversos campos da Astrofísica e as Ciencias da Terra, desenvolve dende hai máis de dez anos unha intensa actividade de divulgación científica organizando dende o ano 2000 un Obradoiro de Astronomía e Astrofísica ou participando en programas como “Feliz Aniversario HAL”, “Polos Mares de Galicia”, “Unha universidade, un Universo” ou “Contos e coplas de estrelas”, entre outras actividades. Durante o Ano Internacional da Astronomía, celebrado en 2009 en 148 países, formou parte do equipo de traballo español, como coordenadora de actividades en universidades. Membro do padroado da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura (o cal xestioa o Observatorio Astronómico de Forcarei), foi a súa presidenta dende a súa constitución en 2007 ata outubro de 2010. Membro da Sociedade Española de Astronomía e secretaria do Grupo Especializado de Astrofísica da Real Sociedade Española de Física (do cal foi presidenta entre 2007 e 2011).

Ningún comentario: