O 12 de abril fomos cos mozos e mozas dos clubs de lectura a Celanova e Vilanova dos Infantes. O noso obxectivo era homenaxear a Celso Emilio no seu centenario. Ao longo do curso falamos del na sesión que tivemos sobre poesía social no primeiro trimestre, e voltamos na última sesión onde informamos do percorrido da nosa ruta e repartimos exemplares de Longa noite de pedra. Escollemos as lecturas que se ían facer en público e preparamos con elas un libriño que repartimos entre os participantes. Non podiamos desproveitar a ocasión para incluir na ruta tamén a Curros Enríquez. Remitimosvos á crónica que fai Yago no blog do club de lectura para ver por extenso como foi. Comezamos coa visita guiada á casa dos poetas, onde fixemos as lecturas xunto co alumnado do IES de Maceda cos que coincidimos. Despois visitamos o mosteiro de San Salvador e fixemos as lecturas dentro do claustro. A continuación lemos na rúa (abarrotada en día de feira)diante dos bustos de Celso Emilio e de Curros. Dirixímonos despois a Vilanova, con visita guiada á Torre e aí chegou tamén a chuva, polo que nos quedou sen ler o poema á Virxe do Cristal ao aire libre. De camiño a Ourense lemos no bus. E para rematar, un regalo: levamos ao alumnado ás termas de Outariz, o ceo abríuse e disfrutaron dun relaxante baño termal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario