15.12.11

Lectura e Dereitos Humanos

Durante esta semana e o que queda da próxima temos expostos no vestíbulo do insti as lecturas recomendadas sobre o tema dos Dereitos Humanos. Acompañamos esta expo de libros con un mural no que colocamos viñetas gráficas sobre o tema. A idea das viñetas déunola o amigo Ramón, do IES O Mosteirón, e nós mesturámola con recursos tomados das webs de Amnistía internacional e do Seminario Galego de Educación para a Paz. Aproveitamos para expoñer tamén os twits e postais premiadas no concurso do Día contra a Violencia de Xénero.



10.12.11

No centenario de Cunqueiro

Despois de traballalo nas clases de literatura galega e de trafegar con todos os libros de Cunqueiro que había na biblioteca, o alumnado de 1º B e 2º E de Bacharelato visitaron o día 29 de novembro a exposición que sobre a vida e a obra de Álvaro Cunqueiro organiza a Editorial Galaxia e a Fundación Penzol na Casa da Cultura Galega de Vigo.

Foron recibidos por Francisco Domínguez, Director da Fundación Penzol, e presenciaron unha presentación en Power Point da historia da propia Fundación e das persoas que contribuíron coa doazón do seu patrimonio bibliográfico e artístico, e co seu esforzo e iniciativa, a dotar os fondos do gran centro de documentación sociolóxica e historiográfica que é hoxe en día a Fundación. Escoitaron falar de Paco Del Riego, de Fermín Penzol, de Ramón Piñeiro, de Xaime Isla e doutros membros do Padroado que fixeron posible que hoxe os galegos poidan pescudar sobre o seu pasado e o seu presente.

Despois de ver os diferentes paneis da Exposición e de familiarizarse coa obra e vida de don Álvaro, o seu fillo César falou do pai desde a perspectiva dos sus anos de infancia en Mondoñedo e da súa aprendizaxe á beira dun home que lle transmitiu o amor por dúas linguas que saben a pan e que converteron a Álvaro Cunqueiro no maior fabulador que deu a literatura nos anos en que só existía o neorrealismo de posguerra.

Despois de diversas preguntas, alumnos e alumnas do Alexandre Bóveda procederon a recitar seis poemas dos diferentes poemarios de Cunqueiro e concluíron coa interpretación do poema que lle dá nome á exposición No niño novo do vento, unha interpretación chea de gusto na que participaron Berenice como intérprete e un grupo de músicos de 2º E (Artes Escénicas) que acompañaron cunha adaptación da música de José Emilio Batallán

Foi unha xornada chea de emoción moi aproveitable na que o alumnado conseguiu introducirse esplendidamente no mundo máxico do Cunqueiro poeta, narrador e dramaturgo.
Crónica de Antón.

Deixamos aquí o vídeo da súa interpretación. Podedes ver máis vídeos desta visita no blog de tecnoloxía.
video

1.12.11

PREMIO NACIONAL DE BOAS PRÁCTICAS

Hoxe comunicáronnos a boa nova. A nosa biblioteca acadou un terceiro premio no Concurso Nacional de Boas Prácticas en Bibliotecas Escolares. É un premio para o noso centro, pola labor desenvolvida nestes últimos anos, polo que desde a biblio queremos agradecer o traballo das persoas do equipo, o das persoas que estiveron e das que están, o do profesorado que dun xeito ou doutro participou e participa das actividades que propoñemos. Pero o máis importante é que este é un premio para os alumnos e alumnas que fixeron o camiño con nós, que foron e son a nosa motivación máis importante. Non queremos esquecer a todos os compañeiros e compañeiras do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia, sen cuxas ideas, colaboración e solidariedade sería imposible facer este traballo. Parabéns para as outras cinco bibliotecas escolares galegas premiadas. Deixamos para o final a mención ao equipo directivo que sempre apoiou as nosas iniciativas. E Cristina, Pilar... sobran as palabras.


Esperamos que este sexa o comezo.