30.1.09

CONSPIRACIÓN POLA PAZ


  • PAZ?????????????
  • PAZ: PAM!. Balas. Confusión, asasinatos, bombas.
  • PAZ: PAF!. Golpes. Cambadelas da vida cotiá. Rancor. Violencia.
  • PAZ: PAZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZ. Soño. Sono indiferente da irresponsabilidade.
  • Non é un xogo. É a fraxilidade da palabra. Espello fiel da inestabilidade do seu significado.
  • Utopía imposíbel.
  • Palabra que xera poesía.
  • Poesía? Poesía e Paz.
  • Esta é a nosa proposta: un mundo reinado pola esperanza das palabras, palabras sublimes que permiten melodías, risos, soños... PAZ.

    Xesto simbólico o das Bibliotecas Escolares, que novamente unen voces, azos e esperanzas. A través do mosaico que supón, por fin na nosa comunidade, a integración de diferentes cores, razas, linguas... chega a poesía capaz de expresar unha mesma arela. O frenesí da humanidade dominado pola forza da palabra. Unidos contra a ignominia da morte inxusta, das violacións das mulleres, da violencia extrema, da existencia dos nenos-soldado, da vinganza. Optamos polo silencio das palabras, da súa mudez. Porque a súa música festexe os días de coñecemento. Porque os aloumiños que desprenden estas balas sexan quen de recargar o porvir. Porque o nosos pentagramas debuxen as fusas non confusas da ilusión, do mañá cargado de bombas de papel. Papeis que falan de sorrisos, de amores, de xustizas. Papeis convertidos en poesía.

    Hoxe, o noso alumnado, dende esas diferenzas que os converten en iguais, transfórmanse en trasnos portadores de equidade. Dende o pasado poético ao presente sonoro, ao futuro harmonioso.

  • Tanques de algodón
  • Armas de caramelo
  • O noso soño
  • O noso desexo
  • A nosa conspiración.


O “disparo” do IES Alexandre Bóveda

Outras potentes armas de exércitos aliados



3 comentarios:

olga dixo...

Quédanos a palabra!!!
¡E, que ben se entenden moitas voces xuntas que dicen o mesmo!

Bibliobelesar dixo...

Qué bonitos eses disparos dos rapaces do Alexandre Bóveda. Noraboa polo voso traballo.

bibliotecadocole dixo...

Que largo alcance ten a poesía, que consegue convertir un poema nun disparo, un disparo nun poema.Noraboa a eses rapaces que regalan os nosos oidos coa súa voz.