21.10.15

Club Manga

O martes 6 de outubro tivemos a 1ª reunión do noso club de manga OTAKU ANIKI a que asistiu tod@ o alumnado interesado nesta arte e que quere participar nas actividades ao longo do novo curso. Coma no curso pasado, a asistencia foi moi numerosa  con alumn@s que repiten e novas incorporacións.  

Se queredes saber máis sobre o que se falou consultade o blog do Club de lectura.

13.10.15

Palabras de caramelo

O pasado luns reunímonos por primeira vez cos novos membros do club de lectura de 1º de ESO. O libro escollido é un libro sinxelo que non chega ás cen páxinas, pero con moita historia que contar.
Palabras de caramelo, de Gonzalo Moure, fala dun neno saharaui xordomudo que, a través da conversa co seu camelo, chega a facer uns marabillosos poemas. Pero tamén fala da amizade, da morte e, desde logo, da situación dos refuxiados saharauis na  hamada, onde se ven obrigados a vivir. De todo iso e moito mais conversamos cos novos lectores e lectoras do club deste ano, aos que lles encantou o libro.
Un dos episodios conta como a mestra da escola do campo de refuxiados apréndella a ler e escribir ao protagonista, que así empeza a comunicar con palabras todo o que sente e todo o que fala con Caramelo. Como este tema deunos moito para reflexionar, puxemos uns fragmentos da película El milagro de Ana Sullivan, baseado nunha historia real,  que conta como no século XIX, a mestra Sulivan conseguiu aprender a falar, ler e escribir a unha  nena cega e xorda, e o cambio que supuxo para ela o dominio da linguaxe.
Como sempre, a hora non deu de si todo o que quixéramos. Iso si: todos demos boa conta do pastel e biscoito que trouxemos para acompañar a sesión.


BENVIDOS

Se chegache ata aquí é que es membro da biblio do Alexandre Bóveda.

Aprende o teu número de lector, que é para sempre e aproveita o que oferta esta biblioteca.

Agardamos as túas visitas.

11.6.15

THE WALL / O MURO, remate do proxecto

O obxectivo deste traballo foi reflexionar sobre os muros físicos e mentais que nos separan dos outros/as e de nós mesm@s. O fin último do proxecto era repensar as conductas físicas, psíquicas e verbais do alumnado para que a violencia, en calquera das súas manifestacións, sexa desenmascarada e erradicada.

O Equipo da Biblioteca participou na coordinación e desenvolvemento da actividade na que se involucraron activamente Ed. Plástica e Música; así como Ciencias Sociais , Lingua Española, Inglés e Ética.

No mes de xaneiro, co gallo do día da Paz, construíuse o muro. O alumnado de 4º ESO de Plástica fixeron os ladrillos e o departamento de Música traballou O Muro de Pink Floyd. Con todo isto fixemos unha performance o día da Paz a modo de inauguración do Muro á que asistiron o alumnado de 1º de ESO. Nesta inauguración leuse un manifesto e agasallouse a persoa escollida polo Seminario Galego para a Paz como exemplo neste ano académico 2014-15.

A partires deste momento o traballo continuou ao longo do curso: distintos departamentos reflexionaron sobre o tema dos muros e foron engadindo os traballos resultantes arredor do muro. Dentro destes traballo hai que destacar de novo ao departamento de Plástica que seguiu intervindo no muro con graffitis e poemas que ían colocando entre os ladrillos.

A última fase do proxecto consistiu nun acto simbólico, de novo convocamos ao alumnado de 1º de ESO para asistir ao derrubamento deste muro, lectura de textos e interpretación de temas musicais por parte do alumnado de 4º ESO.

10.6.15

Ler ao carón da auga

Esta é unha mostra das fotos que se realizaron para o concurso que convocou a biblioteca a partir do tema que traballamos este ano no PIN. Moitas das imaxes foron tomadas aproveitando a visita aos lavadoiros feita na actividade "O roteiro de Coia" ou na excursión que fixemos co alumnado do club de lectura a Rianxo, Cabío e Corrubedo.