30.1.09

CONSPIRACIÓN POLA PAZ


  • PAZ?????????????
  • PAZ: PAM!. Balas. Confusión, asasinatos, bombas.
  • PAZ: PAF!. Golpes. Cambadelas da vida cotiá. Rancor. Violencia.
  • PAZ: PAZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZZ. Soño. Sono indiferente da irresponsabilidade.
  • Non é un xogo. É a fraxilidade da palabra. Espello fiel da inestabilidade do seu significado.
  • Utopía imposíbel.
  • Palabra que xera poesía.
  • Poesía? Poesía e Paz.
  • Esta é a nosa proposta: un mundo reinado pola esperanza das palabras, palabras sublimes que permiten melodías, risos, soños... PAZ.

    Xesto simbólico o das Bibliotecas Escolares, que novamente unen voces, azos e esperanzas. A través do mosaico que supón, por fin na nosa comunidade, a integración de diferentes cores, razas, linguas... chega a poesía capaz de expresar unha mesma arela. O frenesí da humanidade dominado pola forza da palabra. Unidos contra a ignominia da morte inxusta, das violacións das mulleres, da violencia extrema, da existencia dos nenos-soldado, da vinganza. Optamos polo silencio das palabras, da súa mudez. Porque a súa música festexe os días de coñecemento. Porque os aloumiños que desprenden estas balas sexan quen de recargar o porvir. Porque o nosos pentagramas debuxen as fusas non confusas da ilusión, do mañá cargado de bombas de papel. Papeis que falan de sorrisos, de amores, de xustizas. Papeis convertidos en poesía.

    Hoxe, o noso alumnado, dende esas diferenzas que os converten en iguais, transfórmanse en trasnos portadores de equidade. Dende o pasado poético ao presente sonoro, ao futuro harmonioso.

  • Tanques de algodón
  • Armas de caramelo
  • O noso soño
  • O noso desexo
  • A nosa conspiración.


O “disparo” do IES Alexandre Bóveda

Outras potentes armas de exércitos aliados



24.1.09

Grito Paz

Iniciamos as publicacións da semana da Paz con este vídeo-poema de Alberti. Esperamos que vos guste e nos faga reflexionar a todos un pouquiño sobre a necesidade de ir camiñando pola paz. Disculpade o atrevemento de traducir a Alberti.

NOVO SERVIZO WEBQUEST. Día da Paz

A partir de agora, na nosa barra lateral iremos facendo enlaces a aquelas webquest que sexan de utilidade para o profesorado. Para empezar aí deixamos unha webquest para o Día da Paz que pode ser moi útil para traballar en 1º ESO. Chéganos a través da xenerosidade do CEIP Mestre Martínez Alonso. Para todos os profesores que queirades, reservaremos neste blog un oco para as vosas webquest.

9.1.09

Seguimos cambiando. Novos espazos.

Reabrimos este ano a biblioteca con algunhas novidades. Ocupamos todo o espazo debaixo das fiestras da sala de lectura con expositores, un para novidades e pelis e outro para a nova sección de cómic. No medio de ambos colocamos o ordenador para as consultas do catálogo polo alumnado. Ao final da sección de cómic temos a remodelada sala de lectura informal (famosos sofás tulsta incluídos), onde temos pendente un expositor-separador para as revistas. Tamén temos novas mesas e algún ordenador novo na mediateca. A sección de cómic está causando sensación.



8.1.09

O día antes das vacacións

Mozos e mozas do club de lectura fixéronlles un regalo de Nadal ao alumnado de primeiro e segundo ESO. Fixeron unha seleción de poesías e relatos e foron polas aulas a lerllos aos compañeiros/as. A actividade foi moi ben recibida por todos, cousa que queremos agradecer, posto que foi concibida como unha sorpresa e, non tendo avisado de antemán, todos nos permitiron o paso.