4.12.09

Preparación da visita de Alfonso Armada

Unha das actividades propostas pola biblioteca para o desenvolvemento do proxecto lector foi o traballo na aula con temas de actualidade, lendo na prensa, comentando, buscando información...
Neste marco, tomaron a iniciativa a profesora de galego, Carme, e o profesor de historia, Ricardo. Buscamos alguén que puidese explicar ao alumnado de 2º bach. algúns dos temas candentes no mundo actual, e de aí xurde a iniciativa de contar co escritor e periodista Alfonso Armada, que nos visitará o día 9 deste mes.
Como colofón a todas as informacións suministradas, os profesores prepararon unha sesión conxunta con todos os grupos coordinada polo profesor Ricardo Álvarez onde, sobre todo, se falou de África, nunha charla concibida máis para suscitar interrogantes que para ofrecer certezas. Falou o profesor do gran descoñecemento que temos do continente africano, a pesar do seu tamaño; da diversidade étnica, relixiosa, cultural e xeográfica; e, desde logo, das súas riquezas.
Referíuse ó drama que supuxo o escravismo e o éxodo de gran parte da xuventude actual cara a Occidente en busca dun futuro mellor. O colonialismo como causa desta emigración masiva e como culpable do expolio das súas riquezas. Falouse da explotación dos homes e dos recursos por parte dos países europeos que se convertiron en "amos" de tan vasto territorio; da connivencia cos ditadores ou a imposición directa de gobernos títeres.
E tamén apareceu o tema da SIDA, pandemia que asola o continente, con todos o dramas que contribúen á súa expansión: escasez de retrovirais, supersticións, influencia da Igrexa católica que nega o uso do preservativo como medio eficaz para a prevención.
Dende logo que se suscitou a curiosidade. Esperamos a Alfonso Armada para seguir mergullándonos nos temas que preocupan no noso mundo actual.
Por suposto, tamén recomendaremos a lectura dalgunha das súas obras, que temos na biblioteca e que podedes consultar picando aquí.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Saúdos. Ao fío do que acabo de ler no voso blog, quero recomendar un libro de Ryszard Kapuscinski que xa ten uns aniños pero que non perde vixencia; titúlase Ébano e está publicado en Anagrama. Esencial para as persoas interesadas no que sucede en África.Por outro lado, en Vigo residen bastantes african@s que tamén nos poderían dar os seus puntos de vista; creo que teñen unha asociación que se chama Aida.