19.5.12

Conferencia de Mina Shayan

O venres 11 de Maio tivemos unha charla na Biblioteca  impartida pola investigadora iraniana da Universidade de Vigo, Mina Shayan e foi organizada pola profesora Mercedes Oliveira do departamento de Filosofía. Mina deu dúas conferencias para o alumnado de Antropoloxía (1º Bacharelato D), Ética e Filosofía do Dereito (2ºBacharelato C) e dous grupos de Ética de 4º
 ESO.
O relatorio consistiu nunha mirada á historia das mulleres no Irán do século XX. O espertar, as rebeldías, as revolucións e a resistencia para acadar os seus dereitos. Os avances na educación feminina e a presenza das mulleres na sociedade, nas universidades e no traballo.

Mina recalcou a influenza das mulleres na modernización do país a
 través da educación e da loita feminista. Remontouse á revolución constitucional de 1905, periodo no que as mulleres comezaron a atopar espazos para reivindicar os seus dereitos. Contou tamén como a derrota constitucionalista a mans de Reza Shah Pahlavi implicou cambios superficiais, como a supresión do veo, pero de facto supuxo a represión dos movementos feministas. Coa revolución Branca de Mohamed Reza Pahlavi, as mulleres conseguen en 1963 o dereito ao voto e a entrada no parlamento e no goberno.

Explicounos algunhas claves da participación activa das mulleres na revolución islámica de 1979 contra o Shah, para rematar sinalando que a loita feminista é especialmente importante a partir deste momento, xa que as mulleres foron despoxadas de moitos dereitos adquiridos ao longo do século XX e teñen que enfrontarse a unha leis misóxinas.

Ningún comentario: