10.3.11

Xabier Docampo cos clubs de lectura

Sesión extraordinaria dos rapaces e rapazas do club de lectura, poñendo un broche dourado ao que ían ser dúas semanas de actos sobre o libro ilustrado e se convertiron en tres por petición popular. Falou Xabier Docampo dos libros Cando petan na porta pola noite e O pazo baleiro, pero ante todo falou de literatura e de lectura. Para el, e para nós, non hai camiño de formación máis libre e máis democrático que a lectura, que contén todos os modelos que nos ensinan a comprender o mundo cada vez mellor. Tal vez a lectura non nos faga máis listos, pero cada libro que perdemos fainos perder a oportunidade de selo. A lectura é polo tanto un camiño de busca persoal, onde podemos atopar aquilo que di de nós. Convértese nun dos actos de rebeldía máis grandes que se poden facer hoxe en día. Parafraseu Xabier a Woody Allen para afirmar que somos o resultado das decisións que tomamos ao longo da vida, e seguiu a mesma liña argumental cando no turno de preguntas dixo que os seus libros non eran de medo, senón de misterio, sobre a incapacidade do ser humano de chegar ao coñecemento total.
Polo prolongado do turno de preguntas e do coloquio podemos asegurar que calou fondo o autor no alumnado, ao que desta vez si que felicitamos pola súa participación e receptividade. Ao final vai ser certo iso de que a lectura nos fai máis libres e democráticos. Agradecémoslle profundamente a Xabier ese coloquio amistoso co alumnado ao que deixou con ganas de ler aínda máis.



Ningún comentario: