21.6.09

Norte e Sur. Visitando bibliotecas

Non, non nos estamos a referir á novela de John Jakes, senón á visita que o pasado xoves fixemos a dúas bibliotecas emblemáticas da nosa comunidade (galega, non de veciños). Chegamos primeiro a Cambre, ao instituto Alfonso X o Sabio, onde nos agardaba o mestre Toño para mostrarnos a biblioteca O bosque animado. Ademais de admirar a recén remodelada biblioteca (este ano ganadora dun premio nacional), tivemos ocasión de aprender moitas cousas sobre o mobiliario e a disposición dos fondos, cuestións ambas nas que tiñamos moito interese. Non dispoñemos de reportaxe gráfica desta primeira visita, as fotos son todas no Segrel (os duendes da prensa).

Despois dirixímonos a Fene, onde nos agardaba Loly para visitar o Segrel do Penedo, aínda que antes decidimos facer unha parada para repoñer fosfatos, potasio e unha amplia gama de vitaminas, nun lugar moi saudable no que non se podía fumar nin vendían tabaco (altamente recomendable por outras esquisiteces). Xa con novos bríos, chegamos ao IES de Fene, onde disfrutamos da fermosa biblioteca á que non lle falta detalle e puidemos falar disto e máis do outro (cousas nosas) nos comodísimos sofás que non están feitos para despois de comer. Tamén apuntamos algunhas boas ideas para a nosa biblio. Aínda tivemos ocasión de coñecer a algún amigo regueifeiro e visitar outras instalacións do centro.
Grazas amigos por compartir con nós esta xornada tan instructiva.

3 comentarios:

Loly dixo...

Así que non tedes fotos de O Sabio por mor dos duendes??? Eu que pensaba que fora culpa da "memoria" ou da falta dela...
Ah, ese lugar onde non vendían tabaco é "O Muiño do Vento", que non se debe deixar de visitar cando se está por estes lares.
Grazas Beni e Paco pola visita, foi un pracer recibirvos en O Segrel.
Ata a próxima!!

Biblioafonso dixo...

Foi un pracer poder compartir con vós unhas horas. Unhas horas para traballar, xantar e falar.
A aprendizaxe mutua é un dos mellores xeitos de aprender e de compartir.
Por poñer algún pero dicir que tardáchedes case un curso en devolvernos a visita. Que non se volva repetir.

Beni dixo...

O muiño do vento e un sitio que non se debe deixar de visitar, sen dúbida: bo servicio, exquisita comida, vistas inmellorables... Pero ide con tabaco.
Non temos fotos de O sabio porque xa é mundialmente famoso...