30.5.12

Culture Class

O luns tivemos unha Culture Class. É unha actividade nova no noso centro. A editorial Burlington Books traballa cun grupo de formadores que levan a cultura británica dunha forma amena polos centros de ensino de secundaria. Despois de que varias profesoras do departamento de inglés asistiran o curso pasado a unha experiencia similar para profesorado, decidiron traer a actividade á nosa biblioteca. Fixéronse tres “clases” que
 presentaron dunha maneira divertida e interactiva diversos aspectos da cultura británica: a comida, a Familia Real, o deporte, a música, a xente famosa… Todo mundo tivo a oportunidade de participar de xeito activo é, ao final, houbo un pequeno concurso como os da tele un premio para o/a gañador/a.

Este ano a actividade foi organizada para todos os cursos de 1º ESO, esperamos ter a oportunidade de repetir o curso que ven. Pasárono moi ben vendo todos os erros que cometen cando pronuncian inglés, incluso falaron por teléfono coa “mamá” do profesor inglés.  

21.5.12

Letras Galegas con música e poesía

Coma todos os anos, celebramos na biblioteca a festa das Nosas Letras. Este ano dedicadas a Valentín Paz-Andrade, pero tamén ao medio século desta festa. Fixemos dúas sesións na biblioteca, que comezaron cunha lembranza da figura de Paz-Andrade e a lectura dos seus poemas Cando ti volvas e Noso Alexandre, Mártir por parte do presentador. Na primeira sesión, o alumnado de 1ºF recitou poemas de diversas autoras galegas -Marica Campo, Pilar Pallarés, Mª Xosé Queizán , Luz Pozo- e tamén de Celso Emilio, acompañados dos seus instrumentos e tendo de fondo power points elaborados por eles. Como público, alumnado de 1º Bach. e de 4º ESO, que tamén recitaron ao son da guitarra. Na segunda, que comezou coa entrega de premios dos concursos artísticos e literarios da biblioteca, o alumnado de 1º e 2º ESO, xunto con outro grupo de 1º Bach. recitou poemas e textos en prosa de diversos autores -Rosalía, Curros e Sechu Sende, enntre outros-  que traían preparados das clases. Contamos coa actuación estelar do noso gaiteiro Diego, que acompañado ao piano polos profes de música, Ángeles e Julen, interpretou varias pezas entre lectura e lectura. Deixamos unha serie de vídeos que recollen os momentos estelares da xornada.






A continuación, unha reportaxe fotográfica para aqueles/as que non saídes nos vídeos:

19.5.12

Conferencia de Mina Shayan

O venres 11 de Maio tivemos unha charla na Biblioteca  impartida pola investigadora iraniana da Universidade de Vigo, Mina Shayan e foi organizada pola profesora Mercedes Oliveira do departamento de Filosofía. Mina deu dúas conferencias para o alumnado de Antropoloxía (1º Bacharelato D), Ética e Filosofía do Dereito (2ºBacharelato C) e dous grupos de Ética de 4º
 ESO.
O relatorio consistiu nunha mirada á historia das mulleres no Irán do século XX. O espertar, as rebeldías, as revolucións e a resistencia para acadar os seus dereitos. Os avances na educación feminina e a presenza das mulleres na sociedade, nas universidades e no traballo.

Mina recalcou a influenza das mulleres na modernización do país a
 través da educación e da loita feminista. Remontouse á revolución constitucional de 1905, periodo no que as mulleres comezaron a atopar espazos para reivindicar os seus dereitos. Contou tamén como a derrota constitucionalista a mans de Reza Shah Pahlavi implicou cambios superficiais, como a supresión do veo, pero de facto supuxo a represión dos movementos feministas. Coa revolución Branca de Mohamed Reza Pahlavi, as mulleres conseguen en 1963 o dereito ao voto e a entrada no parlamento e no goberno.

Explicounos algunhas claves da participación activa das mulleres na revolución islámica de 1979 contra o Shah, para rematar sinalando que a loita feminista é especialmente importante a partir deste momento, xa que as mulleres foron despoxadas de moitos dereitos adquiridos ao longo do século XX e teñen que enfrontarse a unha leis misóxinas.

16.5.12

Tim Bowley e Charo Pita

Luns 14, pola tarde, sesión de contacontos en inglés e galego. Estreamos aquí as presentacións de Prezi. Hai que darlle ao play e esperar un pouquiño a que cargue. Na opción "More" podedes seleccionar para ver en pantalla completa e autoplay. Agardamos que vos guste a ferramenta.

3.5.12

Libros con ADN na semana do libro

Celebramos este ano a semana do libro cunha exposición de libros moi especial, aproveitando que o día 23 era, ademais de Día do Libro, tamén o Día Internacional do ADN. E esta vez preparouse todo desde o departamento de Ciencias Naturais e colaborou tamén os departamento de Tecnoloxía.

O alumnado de bioloxía de 4º A coa súa profe Carmen Martínez, construíron un modelo de molécula de ADN usando materiais reciclables, botellas e latas para realizar os nucleótidos, aprendendo así os elementos estruturais básicos do ADN. Tratábase de estimular o interese pola ciencia, fomentar o traballo en equipo e o intercambio de ideas para solucionar os problemas que puidesen xurdir durante a construción.

O traballo espertou o interese de algúns alumnos de 2º bach., e deste xeito Yago e Rodrigo tamén construíron as súas moléculas, unha con gominolas e outra con materiais cerámicos. E tamén un grupo de tecnoloxía, dirixidos polo profe Rafael, construíron unha gran molécula con estrutura metálica e bolas de plástico.

Con todas elas fixemos unha exposición acompañando aos libros sobre o ADN cos que se vai traballar en bioloxía e outras lecturas que teñen ás ciencias naturais como tema central.