A partir de hoxe, na biblioteca podedes ver a exposición sobre a ilustración e ilustradores en Galicia. Coa colaboración de diversas editoriais que nos prestan os libros, montamos unha expo na biblioteca con máis de cen libros e álbums ilustrados. Acompáñana 38 cadros cadros con ilustracións orixinais cedidos pola editorial Xerais, 10 pósters elaborados por nós con información sobre as editoriais galegas, unha escolma de ilustradores actuais (non están todos, pero todos o son), unha guía didáctica para traballar nas visitas e un cartel con información sobre as saídas laborais que ofrece o mundo editorial.
Convocamos tamén un concurso de ilustración do mes dos namorados, titulado "Ilústrame este conto", no que deberán realizar unha ilustración a partir do conto "A rapaza do circo", do libro de Carlos Casares Vento ferido.
A exposición tamén se traballa nas clases, así, o alumnado de primeiro ESO e do club de lectura leu "Os Megatoxos" e onte, luns, disfrutaron dun taller de ilustración co autor da obra, Anxo Fariña, que fixo as delicias do alumnado (sobre todo dun, ao que transformou en personaxe). A participación foi moi activa, e case todos realizaron algún debuxo, do que damos fe nas fotos, con máis gloria que pena. Ao rematar asinou os libros do alumnado.
O alumnado de primeiro bach. terá unha sesión co escritor-editor Francisco Castro, que versará sobre a edición do libro ilustrado e as novas formas de edición. Recibiremos tamén nesta quincena, as visitas de Carlos Negro e Xabier P. Docampo.
As fotos están un pouco escuras, para que o flash non causase reflexos. (A verdade é que a fotografía non é o noso, así que se valorará facer fotos novas)
1 comentario:
De vez en cando bótanse de menos este tipo de actividades. Agrádame saber que se sigue promocionando a biblioteca, e que segue habendo xente interesada en participar, sobre todo.
Un saúdo :)
Publicar un comentario