8.3.10

Bata por fóra, muller por dentro

Para celebrar o día Internacional da Muller Traballadora , este ano contamos cun vídeo dunha creadora viguesa, Claudia Brenlla, que se titula “Bata por fóra, muller por dentro”. A nosa compañeira Chis tróuxoo ao centro e propuxo actividades para traballalo na aula, así como as ideas para a performance de hoxe. O vídeo é moi interesante, creativo e divertido . É en realidade unha homenaxe ás mulleres que traballan as súas casas, coidan dos pequenos e maiores, cultivan as leiras, mariscan, limpan as tumbas dos seus difuntos, etc, ataviadas moi a miúdo con esas batas. Batas con ou sen mangas, con botóns ou cinto, abotoadas diante ou detrás, case sempre de cadros, pero tamén de raias, flores ou lunares. Batas coas que protexen a súa roupa ou coas que se gardan do frío. Batas que din: "vou traballar" (e que se poñen a primeira hora da mañá e se quitan ben entrada a noite). E por suposto, batas coas que realizan un traballo que non coñece o que son as vacacións, xubilacións, pagas, pensións, nin ningún tipo recompensa e, sobre todo, admiración.
Alumn@s de diferentes cursos estiveron traballando sobre este vídeo: analizárono e escribiron poemas, microrrelatos e outros textos (que estaán expostos nos taboleiros da planta baixa do instituto). Ademais temos a "exposición" das batas no vestíbulo, que o enche de cor todos estes días e nos recorda moitas cousas, ademais das nosas antepasadas ("a miña avoa ten unha desas", comentoume un alumno estes días, "miña nai un feixe delas", dixo outra rapaza). Moita bata.
A celebración de hoxe luns no insti: virá a directora do vídeo a falar cos alumn@s de varios cursos que o traballaron. E a última hora, no patio, realizarase unha performance ( asistirán @s alumn@s de 2º e 4º de ESO, varios cursos de 1º e un de 2º de Bach, un 3º e un 1º de ESO) que consistirá no seguinte: primeiro faremos unha pequena introdución e leremos algúns dos textos escritos polos rapaces e rapazas, e logo os alumn@s dos diferentes cursos irán colocando as batas coas que previamente se fixeron sobre a silueta dunha bata xigante debuxada con xiz no chan. Desta maneira montarase unha bata pachtword xigante. @s alumn@s de tecnoloxía gravarán todo esto e montarán un vídeo.
Quince profesores/as de varios departamentos e uns trescentos alumnos/as veñen traballando na aula dende fai días, baixo a coordinación de Chis. Un proxecto interdisciplinar que no que teñen cabida as TIC, as matemáticas, as linguas, a filosofía, historia, cidadanía, música (tamén participa o alumnado do conservatorio). Un proxecto que foi agrandándose pouco a pouco ata o punto de que onte saímos en TVE (España directo), a coordinadora foi entrevistada na Cadena SER e hoxe, Luns, non deixaron de vir cámaras de distintas televisións e saímos na prensa.
Teremos que esperar uns días para poñer un post con todos os traballos feitos polo alumnado, as fotos de todos os eventos e os vídeos realizados nas clases.
De momento deixamos aquí o enlace á noticia do Faro de Vigo e o vídeo de TVE (debedes ir ata o minuto 21,10 aprox.)
Infórmannos tamén dende La educación sentimental que aparece a noticia en La voz de galicia.

12 comentarios:

olga dixo...

Eu escoitei o da SER. Unha idea excelente. Agora só falta que lles quede dentro.

bibliotecadocole dixo...

Unha fermosa idea, directa ao meollo do axunto. Parabéns polo traballo, polo entusiarmo, por ser capaces de sacar do alumnado esas reflexións tan maduras,...
Parabens para todo o profesorado, dende o outro lado da ría.

Antonio Martínez dixo...

Non traballedes tanto porque nos deixades quedar mal a outros. Parabéns.

Maria dixo...

Parabéns por ese espectáculo e, sobretodo, polo seu significado

Biblioteca CEIP Campomaior. Ordes dixo...

IMPRESIONANTE!! Noraboa pola iniciativa dende ORDES (CEIP "Campomaior").

Fernando. Galaxia dixo...

Nótase que aínda temos bos profesionais no ensino, e ademáis tan pretiño da casa.

Mercedes Oliveira dixo...

Tamén sacaros esto na Voz de Galicia:
http://www.lavozdegalicia.es/vigo/2010/03/08/0003_8340981.htm

Maria B. dixo...

Encántame a idea. Parabéns dende O Ribeiro.

Anónimo dixo...

Da ghusto ver que no meu "vello" insti haxa ideas tan xeniais e, bicos a Chis, aínda andas argallando cousas por ahí. Parabens para todas e todos.
Zeltia

Unitaria de Vide dixo...

Aquí a nai da "anónima" de antes. Máis parabéns, por continuar, por seguir con folgos para revolucionar un centro de ensino.

Ramón dixo...

Eu son un pai dun alumno de 3º da ESO, e ademáis profesor de ciencias dun centro de ensino privado de Vigo.....simplemente NORABOA polo voso traballo, o que se ve e que está a carón, este tipo de proxectos son os que motivan, chegan moi no fondo dos rapazes e rapazas (por que sempre o lembraran) pero tamé nos motivan ao resto dos mortais: pais, nais, profesores e profesoras.

Ronsel dixo...

Valeeeeeeeeee. Que faltaba eu! Non daba sacado a bata para poder escribir a ghusto. Que queres? Iso chámase saber implicar un centro e traballo colaborativo. Parabéns? Non, moito máis, máis e máis.