16.2.17

Los infortunios de Sbovoda

O luns 13 de febreiro tivemos unha  reunión do Club de lectura dos maiores (2ºESO-BAC). Nesta ocasión o libro escollido foi Los infortunios de Sbovoda do escritor húngaro János Székely , unha brillante alegoría da invasión nazi que sitúa nunha pequena vila checa. Se ben a obra foi escrita na década de 1940, nos limos a edición da mesma publicada en 2015 por Impedimenta.
Para comezar, e para situarnos, falamos un pouco sobre o contexto, no espazo e no tempo, da obra: xeografía e historia, imperio austrohúngaro, guerras mundiais e cambios na Europa política.... Falamos tamén sobre o autor, que exerceu como guionista de cine en Hollywood, chegando a acadar un óscar. Continuamos logo coa análise da obra por parte dos membros do club e un intercambio de opinións sobre a trama, analizamos os personaxes e os seus comportamentos (por suposto con diferenzas de opinións en algúns casos), e falamos sobre como se pode escribir sobre un tema tan escabroso dunha forma tan orixinal, fácil de ler e incluso, poderiamos dicir, divertida.

A maioría coincidimos en que nos gustou, e todo isto despois dun merecido xantar (con sobremesa incluída) logo dunha dura mañá de clases.

15.2.17

Visita de Anxo Fariña

O día 13 de febreiro compartimos inquedanzas literarias con Anxo Fariña (Vigo, 1977). O alumnado de 1º ESO puido conversar co autor de Os Megatoxos ou A chave da Atlántida e coñecer como, cando e onde xurdiron as ideas para a creación destas e outras obras que xa o converteron nun referente no ámbito da ilustración e da literatura infantil e xuvenil galega. Acompañou a súa conversa das ilustracións que durante a mesma realizou de xeito que un dos alumnos foi por el retratado e convertido case nun personaxe que podería ser un próximo protagonista das súas obras. Unha rolda de preguntas do alumnado e a sinatura das súas obras puxo fin a un gratificante encontro que nos deixou con ganas de seguir lendo durante mil primaveras máis. 

14.2.17

Día Contra a Violencia de Xénero


O venres 25 de novembro o noso instituto participou co alumnado de 4ºESO no ENLAZA VIGO, a iniciativa contra a violencia de xénero desenvolvida pola Concellería de Igualdade do Concello de Vigo.



A Biblioteca, a partir desta iniciativa, realizou unha serie de propostas, para as que pedimos a colaboración do profesorado:


Coa intención de que o profesorado traballara o tema co seu alumnado, facilitou unha fotocopia con información e diferentes recursos sobre o tema “OS MITOS DO AMOR ROMÁNTICO”.



Nas novelas da biblioteca, en que está presente o “amor romántico” colocamos un díptico informativo sobre os 8 mitos propostos pola Concellería.

Entregamos unha pulseira violeta a cada membro da  comunidade educativa


Visibilizamos esta reflexión cunhas siluetas que prestou o concello e que expuxemos no vestíbulo do instituto.