29.5.16

Ruta Literaria “CANCIONEIRO DE MONFORTE”

Con Manuel María, homenaxeado das Letras Galegas 2016

O venres 27 de maio fomos cos mozos e mozas dos clubs de lectura a Monforte de Lemos. O concello achegounos unha ruta e un acompañante que nos levou por distintos puntos da vila seguindo o Cancioneiro de Moforte de Manuel María, escritor que viviu a meirande parte da súa vida nesta vila lucense. Cada alumno ía provisto dos poemas e un plano de Monforte para situarnos no percorrido.
Comezamos a visita guiada no Campo da Compañía e o Mosteiro dos Escolapios. Neste espazo fixemos visita á capela e a escaleira do colexio, onde fixemos as primeiras lecturas: Eu nacín en outono e Cancionciña en lembranza da festa das reliquias. Seguimos achegándonos ao tranquilo río Cabe, onde lemos Poemiña do río Cabe. Pasamos agora pola Ponte Vella e chegamos ao Convento de Santa Clara, aquí lemos a Canción da Ponte Vella e Convento de Santa Clara. Despois visitamos, sempre atentos ás explicacións do guía, o centro de interpretación do viño da Ribeira Sacra, antigo concello onde realizou o seu traballo Manuel María como procurador. Neste precioso espazo realizamos a lectura da Canción da Vendima.

A continuación marchamos cara á Praza de España e lemos o poema adicado a Inés de Castro, logo de escoitar a súa apaixonante historia. Subimos despois polas estreitas rúas do Monforte Medieval, pasando pola xudería, visitando as dúas portas que aínda quedan en pé da antiga muralla. Chegamos ao Monte de San Vicente, onde está o Pazo, o Mosteiro e a Torre. Lemos aquí o poema Monte de San Vicente do Pino, ao tempo que desfrutamos dunha marabillosa vista de Monforte. Baixamos novamente cara ao centro, paseamos pola rúa do Cardenal e rematamos no busto que a vila ten adicado ao escritor. Aquí lemos Canción da rúa do cardenal e Carné de identidade.

Pola tarde aproveitamos a viaxe de volta para visitar o convento cisterciense das Bernardas en Ferreira de Pantón. Aquí fixemos entrega dun agasallo a Pedro Mirón, alumno do instituto que remata este ano 2º de bacharelato e que foi un colaborador e fiel participante no Club de Lectura durante a súa estadía no noso centro. Completamos a viaxe cun paseo polo casco de Ribadavia. Un día completo e moi ben aproveitado.





25.5.16

Proxecto interdisciplinar "Forro polar vermello"

En cursos anteriores, partindo da existencia da materia de Proxecto Interdisciplinar de 1º da ESO, faciamos extensiva a proposta a todo o  centro  participando desde as distintas materias. 

Durante o presente curso, e para non esquecer a idea que viñamos levando a cabo, abordamos a problemática da Globalización e o Comercio Xusto, a partir da lectura dun texto que xa leva anos circulando pola biblioteca e que sempre foi considerado de interés para o alumnado: La vuelta al mundo de un forro polar rojo. Pequeña historia de la gran globalización de Wolfgang Korn y publicado por Ediciones Siruela. 

Este proxecto foi levado a cabo no nivel de 3º da ESO e a partir das distintas materias do profesorado implicado, ademáis da Biblioteca. Alumnado e profesorado lemos o libro para abordar o tema partindo da súa lectura. O obxectivo do traballo foi reflexionar sobre o fenómeno da globalización, o consumo responsable, a man de obra barata en condicións laboráis inxustas, a ecoloxía e a reciclaxe, a inmigración a Europa dos habitantes de zonas empobrecidas...

Dende o Departamento de Lengua Castelá traballouse o resumo por capítulos, ideas principais,
personaxes relevantes e comentario crítico da lectura, facendo una reseña que debían colgar no blog do proxecto.

O Departamento de Tecnoloxía traballou sobre os plásticos e derivados do petróleo, a súa composición e posibilidades de reciclaxe e vida útil.

O Departamento de Física e Química  a composición do téxtil, materias textís do futuro e as posibilidades de reciclaxe da roupa que utilizamos. O Departamento de Ciencias Sociais 

O Departamento de inglés  Este traballo nas aulas foi completado cunha charla para o alumnado participante, ofrecida por colaboradoras da tenda de Vigo de Oxfam, Comercio Xusto.


13.5.16

Memorias dun neno labrego

O pasado 20 de abril latamos clase o grupiño do club de lectura para achegarnos ao museo etnográfico da fundación Liste, na rúa da Pastora. Alí fixemos a sesión correspondente ao libro de Xosé Neira Vilas, que é de certo un dos clásicos da nosa literatura.


 Primeiro realizamos unha visita adaptada ás historias do Balbino, que

preparou cunha dedicación que é de agradecer o persoal deste museo. Repasamos os oficios, os apeiros e obxectos da vida cotián e ritual empregados até fai ben pouco nas aldeas galegas. 



 Despois saímos ao ar libre para comentar como fora a lectura dun relato á vez tan próximo e distante para o alumnado dun instituto urbán como o noso.

Recordamos algunha pasaxe do libro, como a da morte 
de Pachín, o querido can de Balbino, unha de tantas experiencias relacionadas coa perda -da nenez, da vida, da inocencia, das raíces- que narra Neira Vilas. Tamén houbo quen se lembrou da orixe familiar, que á fin se rascamos un pouco, todas e todos temos algo de terra pola parte do pasado. 

 Ao rematar, tras un percance que debeu ser cousa dalgún tardo ou trasno dos que andan polo lugar e que temos a ben gardar no peto, volvimos para o centro a fume de carozo, que o barrio ás veces, cando se anda con apuro, parece facerse máis grande do que semella!

12.5.16

O pazo baleiro


O pasado luns, 9 de maio, tivemos na biblioteca a derradeira reunión do curso co clube de lectura de 1º de ESO.

O libro que nos reuniu esta vez foi O pazo baleiro de Xabier P. Docampo, unha  novela de misterio apaixoante, cun vello pazo cheo de segredos agochados, propiedade dunha familia cunha peculiar árbore xenealóxica. E tamén haberá de por medio un  diamante de incribles dimensións que  os enfrontara  a todos dende hai moito tempo.

Será un grupo de adolescentes, axudados por Delio, tío do protagonista , quen desfaga toda esta maraña descubrindo a historia da familia e o misterio que encerra este pazo baleiro. Unha novela chea de intriga e temas para comentar.

Como sempre, a reunión cos nosos “lectores” estivo acompañada con algunha que outra larpeirada.

Ata o curso que ven!