18.6.12

Ópera no instituto

Os días 12 e 13 de xuño fixéronse dúas representacións da ópera de Donizetti, O elixir do amor, a cargo do alumnado de 1º de bacharelato de artes escénicas, música e danza. Meses de ensaios dirixidos polo profesor Julen Cantabrana para acadar a excelencia nunhas representacións que emocionaron tanto ao alumnado como aos pais, nais e profesores. Non temos palabras para describir a emoción que sentimos ao ver ao noso alumnado dedicándose con tanta paixón ao bel canto durante todo o ano, unha experiencia inesquecible.
A obra é unha adaptación ao galego de L'elixire d'amore, de Gaetano Donizetti, co director, Julen, ao piano e con Rodrigo á trompeta. Como axudante de dirección e a cargo do libreto estivo a profe de música e da biblioteca, Ánxeles. O atrezzo a cargo de Luz Valencia. Os personaxes:
Adina: Berenice Fernández
Nemorino: Alfonso Castro
Belcore: Flavio Sedano
Irmáns Dulcamara: Flavio Granja, Diego Alonso e Roberto Comesaña
Giannetas: María Boubeta e Eva Pereira.
Coro: Miguel Alonso, Sergio Hernández, Diego Fernández, Diana Álvarez, Carmen Bobillo, Neila Escanciano, Iria Fernández, Brais Iriarte, Yaiza Pérez, Mantín Verde e Daniel Villar.
Case hora e media de espectáculo na que algunha lagrimiña correu no patio de butacas despois da romanza Unha furtiva lágrima, interpretada por Alfonso (último vídeo). Resumimos nos seguintes vídeos (perdón polos fallos técnicos, pero a gravación foi improvisada





17.6.12

A linguaxe sexista

Desde hai unha semana podedes ver a exposición que se fixo en colaboración do departamento de galego. Ante a polémica suscitada este ano por parte de membros da Real Academia, decidimos realizar materiais para unha exposición sobre a linguaxe sexista para traballar co alumnado de 4º dúas últimas semanas do curso. Tamén elaboramos un tríptico do que se fixeron cen copias para distribuír polo centro. 


16.6.12

Os libros de 3º A

Nas clases de galego de 3ºA, durante o primeiro trimestre traballaron as características dun texto descritivo desde distintas ópticas: descrición dunha persoa; unha hipérbole; e un espazo xeográfico. Propúxoselles facer entón unha descrición do seu lugar favorito, e facelo a modo de tarxeta e ben presentado; e cada un dos rapaces elixiu o seu. Coas tarxetas fíxose unha exposición.
O mesmo sucedeu cos nomes. Na parte de historia da lingua viron as orixes das palabras e, como non, as dos nomes. Propúxoselles entón buscar a orixe, o significado dos seus, a lenda que se lle adxudicaba e a correspondencia noutras linguas. E de novo realizaron unhas fermosísimas tarxetas que se expuxeron e acabaron colocadas na árbore de Nadal.
Desde a biblioteca, despois de ver este trafego que houbo cos dicionarios de nomes e coas guías acordamos coa profesora agrupar todos os traballos nun libro especial, ou en dous. Naceron así o libro dos nomes e o libro dos lugares, que se ficharán na biblioteca. Este é o resultado:

6.6.12

Visita de Eduardo Santiago

O día 28 de maio visitounos o autor Eduardo Santiago, que fixo dúas sesións na biblioteca con grupos de 1º
bacharelato e 4º ESO. Previamente, a súa obra 2044 forfora traballada e comentada nas clases de ética, antropoloxía e tecnoloxía. Trátase dunha novela de ciencia ficción na que, en palabras do autor, o importante é o cruce de ideas que subxacen debaixo dunha trama que nos atrapa: muller e sociedade, a mocidade, a organización das cidades, o ensino, a relixión, as teorías sobre a orixe do universo… todo isto xogando cun tempo imaxinario, confrontando a realidade coa realidade virtual, plantexando un dos problemas filosóficos de sempre, que nos sitúa na vía da metafísica. Queremos destacar das charlas, e tamén da obra, a interesante visión que se da dunha xuventude comprometida, con valores, rapaces/as normais e á vez intelixentes, defensores das resolucións dialécticas dos conflitos. Gustou moito tamén a idea de usar a tecnoloxía para a creación dunha sociedade máis xusta, sobre todo no reparto da riqueza.
 Ao remate, Eduardo asinou numerosos exemplares do seu libro

2.6.12

Charla de David Gómez

No marco do proxecto de centro, como dixemos antes, o día 29 de maio visitounos o atleta, campión de España de décatlon, David Gómez, ex alumno noso. David contou, ao longo de tres sesións para o alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO, a súa experiencia como deportista olímpico en Atenas 2004 e Pequín 2008. Contou como desde pequeno xa tiña en mente participar nos xogos, analizou a súa traxectoria como deportista desde que estivo no instituto, falou da súa afección a outros deportes e sobre todo, falou de  perseveranza nos obxectivos que un se marca, tanto nos estudos como en calquera outro obxectivo vital. Alegrámonos dos éxitos deste atleta noso e, agradecéndolle a visita, agardamos a súa clasificación para Londres 2012.