27.5.08

Campións de Europa no Rallye matemático

Os alumnos/as de 3º de ESO E, dirixidos pola profesora Alejandra Pereira, resultaron gañadores do Rallye matemático europeo celebrado en Toulousse e organizado polo Institut de Recherche pour l'enseignement des Mathematiques. Viaxaron a Toulouse como premio por seren os campións galegos e alí demostraron ser tamén os máis rápidos de Europa. Por fin o noso centro acada este galardón, despois de varias participacións consecutivas (na anterior quedaron segundos). Parabéns a todo o grupo.




O Faro de Vigo recolle a noticia

26.5.08

O GBI na nosa biblioteca

O pasado 15 de maio tivemos unha visita do GBI (Grupo de Bibliotecarios Interdisciplinar Intercentros), un durísimo grupo de inspectores de bibliotecas escolares procedentes do norte. Polo que comentan nos seus blogs, a nosa biblio non quedou en mal lugar. Ninguén mellor ca eles e ela para facer a crónica desta inspección. Podes ler o relato de feitos e ver as fotos da inspección nos blogs destes eminentes mestres bibliotecarios: BIBLIOAFONSO, A NOSA BIBLIOTECA, O SEGREL DO PENEDO. Grazas, amigos, pola visita e polas vosas palabras.

17.5.08

Letras Galegas 2008

Hoxe Venres 16 celebramos na biblioteca a festa grande das nosas letras, o Día das Letras Galegas. Colaboramos co equipo de normalización lingüística e coa vicedirección na organización deste acto, que consistíu na lectura continuada, durante máis de catro horas, de poesía galega, escollida polos propios lectores que foron o verdadeiro motor desta homenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez.
Todos os que fixeron lecturas públicas fixérono voluntariamente e cos textos seleccionados por eles, o que lle conferíu máis valor a este acto. Ademáis estivemos acompañados polo grupo de gaiteiras e gaiteiros que se formou no insti para a ocasión. Con gaitas, pandeiretas, bombo e tambor fixemos un pasarrúas percorrendo o insti nos recreos. Ó remate das lecturas fixemos entrega dos premios dos concursos da biblio e da vicedirección. Rematamos coma sempre, cantando o Himno Galego ó son da gaita.

Nos corredores do insti e na biblioteca tivemos unha exposición de diversos carteis e mensaxes alusivos a este día e ás nosas letras, así como unha exposición da obra de Xosé María Álvarez Blázquez.
LONGA VIDA Á NOSA LINGUA.

Fai clic para deter a imaxe

Mostramos tamén un pequeno vídeo musical. Máis adiante colgaremos outros vídeos.Sentimos moito non poder poñer as fotos de todos, pero é que fostes moitísimos/as. Dende a biblioteca queremos mostrar o noso agradecemento pola colaboración prestada.



video

13.5.08

TRADURBÁN: O MELLOR ESPECTÁCULO PARA AS LETRAS GALEGAS

Hoxe tivemos no centro ós mestres da fundación Sondeseu, nun espectáculo único pertencente ó ciclo de concertos didácticos Tradurbán, organizados pola concellería de educación do Concello de Vigo. Deste xeito, a música únese á festa das Letras Galegas.Foi a propia concelleira de educación a encargada de presentar o acto. O repertorio de música folk foi arranxado polos propios músicos, abarcando distintos xéneros da música instrumental e vocal, ademáis dunha descrición física e sonora dos instrumentos da tradición galega do folk.

Seis dos músicos máis influíntes deste xénero puxeron en escea un concerto inesquecible. Os mestres de Sondeseu son Anxo Pintos (zanfona), Xaquín Xesteira (gaita e percusión), Xosé Liz (bouzuki, requinta), Alfonso Franco (violín), Francisco J. Feijoo "Chisco" (voz e percusión) e contaron coa colaboración especial de Rodrigo Romaní (arpa e guitarra acústica).A nosa compañeira do equipo de biblioteca, Cristina Brea, foi a artista deseñadora do cartel promocional dos concertos para o concello.




Todo un luxo para o noso insti, un concerto onde ademáis invitaron a subir ó escenario ó alumnado que soubese tocar algún dos instrumentos, e deixaron que tocasen con eles (bastante ben, por certo). Tamén houbo baile. Público entregado e agradecido por un acto que non esqueceremos facilmente. A música e as letras da nosa tradición tiveron o seu espazo. Dende logo que foi un bo comezo da semana das Letras galegas, e continuará.... Do resto da semana faremos outro post.




E por suposto, tamén saímos no Faro de Vigo (14-5-2008)

7.5.08

ÚLTIMO LIBRO DO MES DESTE CURSO

Ánimo e a participar. Xa sabedes que dende o 21 de abril e coincidindo co inicio da olimpiada do saber, está en marcha a última edición deste curso de "O libro do mes". Como non podía ser doutro xeito, trátase dun libro do autor ó que lle dedicamos a exposición, Xulio Verne. A loita na cabeza da clasificación está que arde.

PICA NO CARTEL PARA PODER LER O LIBRO

Finalistas EDUBLOGS

Grazas a todos os que o fixestes posible, que sodes moitos/as

5.5.08

Cinco semanas en globo creando escola.

A exposición de Verne vai dando froitos inesperados, como este vídeo sobre os globos aerostáticos realizado por un grupo de alumnos ós que lles chamou a atención o globo que colgamos na entrada do insti.
video