23.11.07

25 de Novembro. Os centros educativos contra a violencia de xénero

25 de novembro: data tope.

Levamos días cunha conta atrás que moitos non soubestes adiviñar. Quizais porque todos e todas vós sabedes que unha data non significa o remate dunha peste, dunha lacra social. Que por riba dos nosos desexos está a crua realidade.

25 de novembro.

Sabemos a historia deste día, sabemos que a muller é máis vulnerábel nas guerras, nos odios, nos enfrontamentos, na violencia.
Sabemos tamén, como educadores que somos, de que o uso gratuíto da violencia como xeito de reafirmación persoal sobre outro é a manifestación máis lamentábel da ignorancia. Só aquel inseguro e con necesidade de amosar a súa posición agride sen motivo.
De aí a importancia da educación, de formar aos mozos e ás mozas, ao noso alumnado por tanto, para combater de raíz as claves da existencia da violencia. Só dende a formación, dende a educación, seremos quen de combater contra ela.

25 de novembro.

Dicimos NON á violencia contra a muller. Dicimos NON a calquera tipo de violencia.

En todos os países medran as denuncias de vítimas de violencia de xénero, nalgúns casos un 400% máis que hai dez anos. Mentres a policía detén maltratadores e os xuíces ditan ordes de afastamento, a mutilación xenital, un tipo de violencia contra a muller, xera novos hábitos nos hospitais.
Algúns grupos de mulleres son particularmente vulnerables á violencia: as mulleres pertencentes a minorías, as mulleres indíxenas, as refuxiadas, as inmigrantes, as mulleres que habitan en comunidades rurais ou remotas, as mulleres indixentes, as mulleres recluídas en institucións ou detidas, as nenas, as mulleres con discapacidades, as anciás e as mulleres en situacións de conflito armado.

25 de novembro

Porque todo tipo de discriminación é violencia, non o esquezamos. O maltrato pode ser psíquico, físico, pero é maltrato. As vexacións, os acosos, as desigualdades, son maltrato. E porque pretendemos e queremos un mundo de iguais, estamos hoxe aquí, unha soa voz, un único berro en contra da Violencia contra as mulleres.

video

19.11.07

A Illa da Memoria

Esta semana tivemos no insti a exposición da Consellería de Cultura, "A Illa da Memoria". Recomendamos vivamente este anaco da nosa historia recuperada. Os nosos alumnos visitárona con moito interese e serviu moito para o proxecto interdisciplinar que están a facer sobre a Illa de San Simón.

14.11.07

Semana de "defuntos"

Na primeira semana de Novembro, a parte de ir comer castañas ó monte Vixiador, tamén fixemos unha pequena exposición no insti sobre este manxar. Ademais, os socios e socias do club de lectura foron polas aulas do primeiro ciclo a ler relatos de Roald Dahl e de Poe.

13.11.07

Lecturas de matemáticas

Estas son as últimas adquisicións da biblioteca relacionadas coas matemáticas. Unhas lecturas entretidas que recomendaremos para a actividade Hora de Ler.